25 mar 2010

MIGUEL DELIBES, UN HOME, UNHA PAISAXE, UNHA PAIXÓN......

O gran novelista vallisoletano morreu o pasado día 12 de marzo e deixou orfo o mundo das letras hispanas. Miguel Delibes foi o novelista de Castela e o novelista da natureza, pero desde as súas novelas pódese trascender a unha dimensión universal e os seus personaxes son vivos retratos da segunda metade do século XX. Ademais de novelista foi un importante xornalista que desenvolveu a súa carreira no xornal "El Norte de Castilla", do que chegou a ser director. Desde as páxinas deste xornal, Delibes dedicouse a loitar polo mundo rural da meseta castelá.
As súas novelas máis coñecidas son El camino (1950), o seu protagonista, Daniel el Mochuelo, é un adolescente que evoca con nostalxia toda a súa infancia a noite antes de marchar á cidade a estudar o Bacharelato; Las ratas (1962), retrata a traxedia do campo castelán e a fabulosa Cinco horas con Mario (1966), monólogo dunha muller diante do cadáver do seu home que constitúe un repaso de toda a súa vida xuntos.
Obtivo numerosos premios entre os que destacan o Cervantes en 1993 e o Príncipe de Asturias en 1982. Foi académico da lingua desde 1973.

No hay comentarios: